Saturday 04 de May de 2024

O Belén, última festa estival en San Sadurniño


O Campo da Feira acolle dous días de troula, incluído xantar popular na xornada do sábado

 

A festa do Belén, que se celebra no Campo da Feira, ao pé da capela, ponlle fin ás citas trouleiras do verán en San Sadurniño. Será cunha verbena o venres e con función e pase nocturno o sábado. No segundo día, ademais, haberá un xantar popular no que aínda poden facerse reservas a través dos teléfonos 630 288 080, 627 207 750 e 697 392 693. O prezo son 25€.

A institución do Belén é relativamente recente, xa que a capela foi fundada en 1707 por Francisca Ventura de Andrade, primeira marquesa de San Sadurniño, quen vinculou o mantemento do pequeno templo ao patrimonio de quen ostentase o marquesado a partir daquela.

Segundo os testemuños da historiadora Margarita Sánchez Yáñez e do expárroco Javier Martínez, a construción da capela vincúlase coa advocación mariana e cunha tradición común a outras da zona relacionada cos nacementos e a fertilidade -a Capela da O en Pedroso, a da Esperanza en Santa Mariña…-. Sánchez Yáñez destaca no seu estudo sobre a historia local que, se cadra, a devoción ten que ver “coa morte de herdeiros e os casos de infertilidade na familia”.

Porén, a historiadora tamén cualifica a elección dos símbolos que se poden ver na construción como “unha acción feminista”, dado que no escudo que preside a fachada só aparecen os motivos heráldicos da liña materna da fundadora.

E despois desta pequena paréntese histórica -que pode ampliarse en Fálame de San Sadurniño-, falemos da festa que se celebrará no Campo da Feira, no cruzamento de camiños que hai ao pé da capela, este venres 22 e o sábado 23 de setembro .

O primeiro día só haberá verbena -con New York e o DJ Federato– e o segundo hai programado un xantar popular que comezará despois da misa, fixada para as 13:30h, e da sesión vermú animada polo Dúo Estrellas. O menú está composto por salpicón de rape, carne asada, sobremesa e café. A comida anúnciase no cartel ao prezo de 25€ e os contactos que se facilitan para gardar sitio son o 630 288 080, 627 207 750 e 697 392 693.

O Belén estará ambientado durante a tarde do sábado pola discoteca móbil Supreme, quen volverá para o remate de festa da noite, precedida de novo polo Dúo Estrellas.